Sunday 08 de September de 2024

MAVI, a “Maleta viaxeira contra a violencia de xénero”, permanecerá no concello de Boqueixón os próximos tres meses


A subdelegada do Goberno, María Rivas, entregoulla esta mañá ao alcalde Ovidio Rodeiro

 

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou hoxe Boqueixón para entregar a “Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero” (MAVI). Esta iniciativa, que percorreu xa 10 municipios e entidades da provincia da Coruña, ten como obxectivo fomentar a igualdade e concienciar sobre a necesidade de seguir avanzando na loita contra a violencia machista.

 

A subdelegada foi recibida polo alcalde, Ovidio Rodeiro, a quen agradeceu a acollida. María Rivas sinalou o carácter municipalista desta iniciativa, resaltando que é fundamental a colaboración e implicación dos concellos para o éxito da mesma, xa que son os concellos, especialmente nas zonas rurais, os que poden poñer a disposición da veciñanza os libros que cada maleta incorpora e tamén desenvolver actividades de animación á lectura.

 

Ovidio Rodeiro, quen estivo acompañada pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, e pola directora do Centro de Información á Muller, Cristina Carbajales, agradeceu a entrega de MAVI e indicou que “mañá mesmo imos levala ao Verán Activo, uns campamentos de verán nos que participan 120 nenos e nenas e despois tamén o achegaremos aos centros educativos”.

 

Obxectivos da campaña

 

María Rivas indicou que a implicación municipal nestas accións contribúen a construír dende o local unha sociedade máis igualitaria, xusta e libre de violencias machistas. Neste sentido son 5 os obxectivos desta campaña: achegar á veciñanza a lectura sobre temas de feminismo, violencia sobre a muller, empoderamento ou autoestima, novela etc.; favorecer o pensamento crítico ante os roles e estereotipos de xénero; favorecer  a lectura  como ferramenta para a igualdade; sensibilizar en materia de violencia de xénero; e favorecer a lectura de textos escritos por mulleres, de forma que a sociedade teña referentes femininos no ámbito da cultura.

 

A maleta permanecerá en Boqueixón ata dentro de tres meses e contén un total de 14 títulos. Así hai 5 títulos de lectura infantil exuvenil como por exemplo “¿Hai algo máis aburrido que ser unha princesa rosa”, de Raquel Días Regueira, ou “Contos para as boas noites para nenas rebeldes”, de Elena Favilli e Francesca Cavallo. Tamén contén 9 libros para persoas adultas como por exemplo ‘Mentiras para ser unha muller de verdade. Manual para principiantes’, de Rocío Salazar e ‘Aqueles días en que éramos malas’ de Inma López Silva.

 

A última incorporación á MAVI é unha colección de debuxos cedido por Rosa de Cabanas que leva por título “Mulleres Valentes”, que representa a mulleres coñecidas pero tamén anónimas, cada unha co seu valor na sociedade do momento, mulleres referentes escritoras, pintoras, científicas, arquitectas, esculturas, costureiras, mestras, activistas en moitas ocasións silenciadas pola historia.

 

Por último, a maleta consta dun diario no que as persoas lectoras que así o desexen, podan reflexar a súa experiencia a través de comentarios ou suxestións co obxectivo de contribuír a enriquecer esta iniciativa que pretende ser dinámica e mellorar ao longo do seu percorrido.

 

“A maleta viaxeira é unha pequena contribución para ofrecer as veciñas e veciños de Boqueixón información e formación en materia de igualdade e así traballar activamente para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria” expresou Rivas. Neste senso a subdelegada fixo referencia á última campaña do Ministerio de Igualdade que a través da pregunta “¿Vas facer algo?” implícanos a toda a sociedade en tomar parte do cambio necesario para conseguir esa sociedade máis igualitaria e onde o machismo e a violencia de xénero non teñan cabida.

 

A subdelegada recordou que son 2.422 os casos de violencia de xénero activos na provincia da Coruña no sistema VioGén de protección de vítimas de violencia de xénero. “Son 2.422 mulleres que necesitan do noso apoio, da nosa protección, pero tamén precisan que apostemos e traballemos por educar e concienciar para que non sigamos sumando máis casos cada día”, polo que MAVI é “unha ferramenta esencial para conseguir unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e libre de violencias machistas”.